Monforte de Lemos, 1 de maio de 2025. O vindeiro mércores 7 de maio o Concello de Monforte de Lemos celebrará unha nova edición do tradicional concurso de Os Maios. A concentración das montaxes florais características desta festa popular coa que se saúda a entrada da primavera será ese día ás 17:30 h na Plaza de España, onde se procederá ó mesmo tempo á lectura das coplas
Este ano, as bases do concurso modificáronse e mentres en edicións pasadas todos os concursantes recibían un premio de 75€, nesta edición, establécese por primeira vez, a división de dúas variantes de concurso: MAIOS E COPLAS e no concurso dos maios, dúas modalidades, “Maios asociacións, colectivos e particulares” e “Maios centros de Ensino”.
En canto ós premios, na modalidade de MAIOS, haberá un primeiro, un segundo e un terceiro premio e un máximo de seis accésits por categoría. O primeiro premio é de 200€ o segundo premio é de 150€ e o terceiro premio é de 100€, en canto ós accésits terán un premio de 75 €.
Tamén se establecen premios na modalidade de COPLAS por primeira vez dende a creación do concurso, de modo que se establecen un primeiro premio de 100€, un segundo premio de 75€ e un terceiro premio de 50€ ademais de 6 accésits de 30€.
Tal e como explicou o Alcalde, “este ano consideramos necesario establecer unha modificación das bases do concurso, porque apreciamos en anos anteriores que había moita diferencia no traballo duns maios e outros e o premio era igual para todos. Para premiar o esforzo da realización tan laboriosa dalgúns traballos, consideramos mais xusto establecer tres premios, como se fai noutros concursos que ten programados o Concello e 6 accésits”.
Destaca o Alcalde, José Tomé Roca, que “queremos animar así á participación dos veciños de Monforte, na celebración da entrada da primavera, e que os participantes que formen parte desta festa tradicional, leven un merecido premio, valorando o traballo e o esforzo da realización e composición dos maios e coplas que concursen”.
As solicitudes para a inscrición no concurso dos maios, así como das coplas, deberán presentarse para a súa participación, no Rexistro Xeral do Concello de Monforte dende o día 2 de maio. O último día de presentación das mesmas será o 6 de maio antes das 14:00 h.
Bases
Poderán participar no Concurso tódolos monfortinos que o desexen, e o tema tratará sobre calquera tipo de Maio.
Os Maios sairán o 7 de maio a percorrer as rúas da cidade libremente e xuntaranse na Praza de España ás 17:30 horas, onde se interpretarán as coplas.
O xurado valorará a imaxinación, a idea, a estética, a orixinalidade e os materiais utilizados. O xurado do concurso estará composto pola Concelleira de Cultura ou persoa á que designe, e por persoas de diferentes ámbitos sociais, educativos e culturais de Monforte de Lemos. En canto ós criterios de valoración do xurado das copla, terán en conta a interpretación, a posta en escea, a imaxinación, a idea, a orixinalidade, os instrumentos musicais utilizados e o número de compoñentes.
Os premios quedan establecidos do modo seguinte:
MAIOS (para cada unha das dúas categorías)
1º PREMIO: 200€
2ª PREMIO:150€
3ª PREMIO:100€
6 Accésits: 75€
COPLAS
1º PREMIO: 100€
2ª PREMIO:75€
3ª PREMIO:50€
6 Accésits: 30€
. Os aboamentos dos premios serán tramitados polo Concello de Monforte de Lemos, a través dunha transferencia bancaria. Previamente será necesario a presentación do certificado bancario cun número da conta do titular. Non poderá realizarse o pagamento do premio mentres o beneficiario non se atope ó corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias ou coa seguridade social ou sexa debedor por resolución de procedencia de reintegro.