O Polideportivo Municipal de A Pinguela, escenario do Preeuropeo de Voleibol feminino na categoría sub-16

Monforte de Lemos, 25 de abril de 2025. O Pavillón Municipal da Pinguela será escenario, os vindeiros días 25, 26 e 27 de abril, do “PREEUROPEO DE VOLEIBOL SUB-16”  feminino que enfrontará ás seleccións de Italia, Finlandia, Austria e España por unha das dúas prazas que dan acceso a participar no Campionato de Europa.

A Tenente Alcalde do Concello de Monforte, Gloria Prada, o Concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán e o Concelleiro de Medioambiente, Servizos, Obras e Medio Rural, José Luis Losada, achegáronse o pasado día 16 pola mañá en representación do Alcalde, que non puido acudir por problemas de axenda, ó polideportivo municipal de A Pinguela, para dar a benvida ás xogadoras da selección, durante unha das súas xornadas de adestramento.

Gloria Prada, en representación do Equipo de Goberno, quixo transmitirlles ánimo e forza para os próximos días, dende o convecimento de que a selección está a facer todo o esforzo posible para acadar o mellor resultado no Campionato Preeuropeo. As 16 xogadoras que estaban nunha das súas sesión de adestramento liderada polo seleccionador español, Juan Carlos Suárez, agradeceron o xesto de cariño e manifestaron o seu entusiasmo ante a competición que se celebrará nos próximos días, así como a súa alabanza polas instalación deportivas de Monforte.

O xoves pola tarde, as catro seleccións participantes, xa realizaron os seus adestramentos oficiais que repetiron hoxe pola mañá, antes de dar inicio a competición ás 17:00 h. co primeiro dos encontros que enfrontará ás seleccións de Austria e Italia. España estrearase no campionato ás 19:30 h. ante a selección de Finlandia.

Os encontros correspondentes á xornada do sábado, serán os que enfrontarán ás seleccións de Finlandia e Italia, ás 17:00 h, e ás seleccións de España e Austria ás 19:30 h.  Na derradeira xornada do domingo terán lugar os encontros entre Austria e Finlandia ás 17:00 h. e España e Italia as 19:30 h.

Este evento deportivo organizado pola Federación Española de Voleibol e que conta co patrocinio do Concello de Monforte que aporta una subvención de 15.000 €, supón entre outras cousas, a posta en valor do Pavillón Polideportivo Municipal de A Pinguela que grazas á reforma da que foi obxecto no ano 2023, ten a capacidade de albergar eventos internacionais destas características.

Tamén supón unha importante promoción do voleibol nun Concello como o de Monforte que conta cun gran número de practicantes que realizan a súa actividade no Club Korbis e no C.V. Ribeira Sacra que á súa vez, colaboran activamente na organización do campionato.

A entrada é completamente gratuita e dende o Concello de Monforte queremos animar a todos os monfortinos e afeccionados do voleibol e do deporte en xeral, a que se acheguen os días 25, 26 e 27 de abril ó Pavillón Municipal de A Pinguela para desfrutar desta competición e para animar á nosa selección a que acade os mellores resultados posibeis.

O Alcalde tamén quere transmitir a súa satisfacción porque esta competición de alto nivel se celebre en Monforte, convertindo a nosa cidade como referente do voleibol e agradece á Federación Española de Voleibol así como ó Club deportivo Korbis e ó C.V. Ribeira Sacra todo o traballo que están a facer por esta disciplina deportiva na cidade, así como a súa iniciativa por traer a Monforte esta competición.